POLO ROTEIRO DA BATALLA DE CACHEIRAS
O Venres 22 de Abril fomos percorrer parte do roteiro da batalla de Cacheiras.
Hai 170 anos, o día 2 de abril de 1846 o 2º Batallón do Rexemento de Zamora mandado polo comandante Solís, con sé na Coruña, levantouse na cidade de Lugo contra o goberno ditatorial instaurado en Madrid polo xeneral conservador Narváez. Esta rebelión pronto recibiu apoio do pobo lucense, e despois o de Santiago, Pontevedra, Vigo, Tui...
O éxito da sublevación debeuse en boa medida ao apoio que lle prestou o movemento provincialista, creado e fomentado por profesores e estudantes universitarios que, sendo conscientes da marxinación en que vivía Galicia, dedicaron todos os seus esforzos a propoñer medidas políticas e económicas que lle axudasen a superar o seu secular atraso.
A comuñón de intereses entre os militantes liberais e os intelectuais galeguistas deu como resultado a creación, o 15 de abril, da Xunta Superior do Goberno de Galicia. Para defender os intereses do goberno de Galicia, a Xunta nomeou a dúas mariscais de campo: Solís e Rubín de Celis. Cada un deles tiña o mando dunha división do exército.
Estes acontecementos vividos en Galicia provocaron a caída de Narváez. Unha das medidas do novo goberno foi elixir ao mariscal de campo Juan da Concha para dirixir un exército que sufocase o levantamento galego.
O encontro entre as tropas de De la Concha e de Solís tivo como escenario imprevisto a parroquia de Cacheiras, concretamente o espazo situado entre as casas de Ribeira e o cume de Montouto, xusto onde está a Pena Escorredía.
As circunstancias fixeron que Solís tivese que retirar aos seus soldados cara á cidade de Santiago. A derrota consumouse nesta cidade, na que loitaron casa por casa, ata refuxiarse no monasterio de San Martiño Pinario, no que finalmente se renderon. O día 26 de abril en Carral, concretamente no atrio da igrexa de San Esteban de Paleo, foron fusilados Solís e once dos seus oficiais.
Naceron así os Mártires de Carral e, para todos os efectos, este alzamento contra a opresión central considérase o espertar do galeguismo e a reafirmación dunha identidade perfectamente diferenciada do resto da península. Como símbolo desta batalla de Cacheiras, aparecen no escudo de Teo dous sabres cruzados sobre a ponte, na parte media do mesmo.
A participación neste roteiro veu reforzar un irmanamento entre o IES de Cacheiras e o IES Carral que se levou a cabo nos albores do ano 2000 e que segue vixente.
Os alumnos de Carral visitáronnos para percorrer un tramo destes roteiro, dende a reitoral de Bamonde á Capela de Sta. Eufemia en Oza. Despois fomos ata o Montouto e recitamos uns poemas de Manuel María para ir anticipando a celebración do Día das Letras Galegas.

Foi unha auténtica xornada de convivencia na que o tempo acompañou as ganas de disfrutar da andaina e da inmellorable compañía.
Temos que agradecer á Concellalía de Cultura a estupenda organización deste evento que ano tras ano seguiremos mantendo como cita obligada cos nosos irmáns de Carral.
Máis fotos aquí.