Viaxe a Celanova: Ruta Literaria

 Curros, Celso Emilio Ferreiro

Visita ao mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e ao castro de Castromao.

         Tras pouco máis dunha hora de viaxe en autobús, chegamos a Celanova, pequena vila, en cuxo centro destaca o impresionante mosteiro de San Rosendo, asombroso monumento gótico-barroco que contén a capela mozárabe máis pequena de España. Da praza maior parten as dúas rúas principais de Celanova, comunmente coñecidas como rúa Arriba e rúa Abaixo. Na rúa Arriba atópase a casa familiar do escritor e poeta Manuel Curros Enríquez. Nesta mesma rúa naceu Celso Emilio, outro importante poeta galego, que describe de forma moi lúgubre o mosteiro de Celanova. Se descoñeces as condicións da súa estancia no mosteiro cando este era una prisión franquista, a descrición pode parecer moi afastada da realidade, pois o retablo do altar maior da igrexa do mosteiro ten pouco que envexar ao da catedral de Santiago. Verdadeiras obras de arte son os coros tallados en madeira do mosteiro (un gótico e outro barroco). Pero se sobes ao campanario por unha tortuosa, fría e claustrofóbica escaleira de caracol de cen chanzos, atravesas frías salas de pedra, moi semellantes á cela do poeta.

         Como pequeno inciso, sinalo que as actuais aulas do IES de Celanova foron utilizadas como prisión durante a Guerra Civil, pero, para compensalo, teñen una biblioteca (antigamente usada polos monxes) que ten pouco que envexar á da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela.
          
         As outras paradas da viaxe foron Vilanova dos Infantes, pequena vila medieval de cincuenta habitantes e cunha banda de música de renome. Alí tivemos a oportunidade de ver a Virxe do Cristal, da que fala Curros nun dos seus primeiros poemas e que nos amosou o amabilísimo párroco; tamén de subir á torre do antigo Castelo, con noventa chanzos, e de entrar nunha cova de propósito incerto, posiblemente un intento frustrado de conectar o Castelo cun pasadizo secreto.
        
         Por último, estivemos no castro de Castromao, xacemento castrexo de grande extensión e en bo estado de conservación, pero que agora mesmo precisaría una limpeza de xardinería.

         E iso foi todo
David Montoto Pintos, alumno de 2º de ESO

Publicacións populares deste blog

PREMIOS CONCURSO DE CALIGRAMAS

ANTROIDO 2017

ENTROIDO 2020