Ruta Rosaliana


Rosalía é nosa.
Rosalía sempre viva.


         Co gallo do cento cincuenta aniversario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, 28 de maio, o alumnado de Club de Lectura, acompañado polas profesoras Sabela Álvarez e Margarita Parrado (coordinadoras), fixeron a rota rosaliana, que dirixiu o escritor e especialista Manuel Lorenzo Baleirón. Tivemos as seguintes visitas:
  • Casa onde viviu Rosalía coa súa nai, cando era unha nena, na rúa Xoán Rodríguez (Padrón) e onde figura unha placa conmemorativa.
  • Pazo de Arretén, onde naceu a nai de Rosalía. Un alumno leu o poema así titulado
  • Estatua de Rosalía, no Espolón, inaugurada en 1957 pola súa filla Gala, onde varios alumnas e alumnos leron a Rosalía.
  • Casa da Matanza (Museo de Rosalía), onde pasou os últimos anos da vida.
  • Pazo da Ermida, onde Rosalía viviu tres anos e onde escribiu “Como chove miudiño”. Aquí unha rapaza leu este poema.
  • Visita á igrexa de Iria Flavia.
  • Cemiterio de Adina, onde estivo soterrada ata 1981, data na que foi trasladada a San Domingos de Bonaval.
        Diante da estatua de Rosalía, no Espolón, o alumnado leu os seguintes poemas de Rosalía: “A xustiza pola man”,  “Estranxeira na súa patria”, “Xan”,  “Bos amores”, “Amores cativos”, “Decides que o matrimonio”,  “Tanto e tanto nos odiamos”, “San Antonio bendito”.

         Tamén leron as citas que van a seguir:

 “Aínda non lles está permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben” 
A filla do mar ( 1859)

“Daquelas que cantan as pombas i as frores
 todos din que teñen alma de muller;
pois eu que n´as canto, Virxe da Paloma
ai!, de que a terei?”
 “Prólogo”, Follas Novas (1880) 

“Alma que vas fuxindo de ti mesma,
que buscas, insensata, nas demais?”
Nas beiras do Sar (1884)


“Eu son libre. Nada pode frear a marcha dos meus pensamentos e eles son 

a lei que rexe o meu destino.”
Lieders (1858)

“E eu, non obstante, son libre, libre coma os paxaros, como as brisas, coma as
árbores no deserto e o pirata no mar.”
Lieders (1858)

“Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada, ou quen marca a miña
fronte cunha mancha de oprobio, eu río coma eles rin e fago, en aparencia,
a miña iniquidade máis grande cá súa iniquidade. No fondo, non obstante, o
meu corazón é bo; pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a
    súa feitura é igual á miña feitura e que a súa carne é igual á miña carne.”
Lieders (1858)

“Se eu fose home, sairía neste intre e dirixiríame ao monte, pois o día está
soberbio; teño, non obstante, que resignarme a permanecer encerrada no meu
            gran salón”.
(Carta a Murguía)

         
         Como despedida,o alumnado colocou unha cinta malva escrita con citas e versos da autora e co selo elixido de “Rosalía é nosa. Rosalía sempre viva”
  
         Os poemas e citas elixidos falan desa Rosalía, precursora do feminismo literario e desa muller anticonvencional que se preocupou pola problemática da opresión e da discriminación feminina.

         Na preparación da rota, o alumnado, guiado polas profesoras, foi descubrindo a vida-obra de Rosalía de Castro e as achegas da escritora, da pensadora, da feminista, da muller anticonvencional… Tamén fixo un resumo desa vida-obra fixándose nesa muller extraordinaria que non encaixou co modelo de muller do seu tempo. De aí, esa frase do alumnado, a modo de conclusión, coa que Rosalía quedou envolta, no Espolón. Nesa cinta malva, entre as citas e versos de Rosalía, esta fermosa frase que rapazas e rapaces  fixeron súa:

“Rosalía é nosa. Rosalía sempre viva”.

Publicacións populares deste blog

PREMIOS CONCURSO DE CALIGRAMAS

ANTROIDO 2017

ENTROIDO 2020